29/04/2017

ICO (O SONORO MAXÍN)

Programa 52

"A idea é facer, ademais de bailar os pés, remover as cabezas e as ideas".

O Sonoro Maxín naceu hai dez anos en Ourense, xuntando os músicos de Lamatumbá e Cinnamon Gun. Agora lanzan novo disco, pensando en todos os detalles: o sete e o dezasete son os días de feira na cidade das Burgas. Marabillosa coincidencia de números sete na súa traxectoria, que souberon aproveitar para titular o novo traballo: Se7edezase7te!

Abraham, Cristina Asenjo, Jaime Mateo, Xurxo Brea e Ico comezaron xa coa presentación destas novas cancións, ás que quixeron darlle unha volta nova. E irán agora a Bueu, Pontevedra, Vilar de Santos, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Melide, e unha longa lista de cidades para escoitar en directo a estes artistas.

Poderedes atopar o disco nas tendas ou nos concertos desta banda. Poderedes atopar moito sentimento neste Deixe Falar do Grandes Voces do Noso Mundo, que aquí vos deixamos!

23/04/2017

BARRO

Programa 51




De Pernambuco a Burela. Do norte do Brasil ao norte da Galiza. Así foi a conversa con este cantor e compositor musical a ritmo de pop. Non quedou aí a cousa, xa que aínda incluímos máis lugares: Italia, país onde realizará diversos concertos deste 26 de abril ao 2 de maio, por segunda vez na súa carreira profesional.

Iniciou o camiño en solitario no 2016, mais xa levaba máis de quince anos traballando con outros artistas. Comezou producindo outros compositores e cantantes, e aí naceu o sentimento de querer experimentar pola súa banda. E entón chegou Miocárdio, o seu disco, que é unha mestura de diversas culturas: Italia, Canadá, Estados Unidos, Colombia, Brasil... Unha pura conexión entre o noso mundo.

"Que a música leve á xente o máis lonxe posible", di. Agardámolo entón na nosa Galiza, cos brazos e o coração feliz. Convidado quedas, amigo Barro!

09/04/2017

LILÍ DOS TOXOS

Programa 50


Andrea Méndez Álvarez tomou no 2008 ese nome de Lilí dos Toxos. Unha orixinal idea na que probablemente tivo moita influencia ese tempo compartido con Xabier Cordal como mestre de aulas e de vida.

Criada entre Ribadeo e a Terra Chá, dedicou gran parte do seu tempo a reforzar a súa parte artística, coa música e o teatro, tamén en Compostela. Participou no Luar, marchou a Londres para loitar polo seu soño, participou tamén no Britain's got talent... E gañou o "Voces con talento", que colabora con La Voz. Así que proximamente volveremos a vela nas nosas pantallas, mais polo momento, aquí vai a entrevista feita a tres voces!



01/04/2017

GRACIELA PEREIRA

Programa 49

Música galega feita dende Bos Aires, é o que resume a conversa desta semana. Tangos en galego feitos por Graciela Pereira, que coa interculturalidade na pel, por ser neta de galegos, italianos e franceses, non fai senón que esta medre en cada novo proxecto.

Foi o seu avó lalinense quen lle transmitiu todos o sentimento da nosa cultura, así que naturalmente naceu nela un vínculo coa Galiza, que aumentou grazas ao Centro Galego. Despois da súa formación nos conservatorios, e a súa formación teatral e escenográfica, dedicou o seu tempo ao canto no coro do Centro Galego e do Centro Lucense, combinada coa profesión de mestra de educación especial.

Unha bonita historia dunha familia emigrada, que nunca quebrou os lazos coa nosa terriña... Convidada quedas a vir visitarnos, Graciela. E convidados vostedes a escoitar esta marabilla de entrevista!